InicioEconomía"Cremos nun futuro sostible para San Cibrao e tentamos evitar o peche",...

“Cremos nun futuro sostible para San Cibrao e tentamos evitar o peche”, di o posible comprador da planta

Alvance, división de aluminio de Liberty House/GFG Alliance, é dun grupo en crecemento que con todo fracasou na compra da Coruña e Avilés ante a negativa de Alcoa de vender a competidores

Publicada o

- Advertisement -

“Cremos nun futuro sostible para San Cibrao e os seus empregados e tentamos evitar o peche”. É a mensaxe da empresa británica Alvance, a división para a produción de aluminio do grupo empresarial Liberty House -coñecido actualmente como GFG Alliance-, que onte confirmou o seu interese en comprar o complexo industrial de Cervo. Unha operación que se presume complexa dada a intención de Alcoa de parar as cubas de electrólise e de non vender a planta de alúmina, pero unha posibilidade á que se aferran os traballadores, que entenden que o apagado da maquinaria suporía a sentenza para a fábrica.

EXEMPLO DE ‘ALUMINIO VERDE’

Dentro de GFG Alliance, que preside o empresario indio-británico Sanjeev Gupta, Alvance dedícase ao aluminio, mentres que Liberty é a división do grupo orientada ao aceiro e Simec a que se ocupa da xeración de enerxía renovable. Posúe unha fábrica de aluminio primario en Dunquerque (Francia), adquirida no 2018 a Rio Tinto -con 570 traballadores daquela- e que pasa por ser a meirande de Europa, e unha fundición en Escocia, alimentada por dúas estacións hidroeléctricas de Simec.

É este un exemplo do ‘aluminio verde‘ ao que se refería o secretario xeral de Industria, Raül Blanco, cando anunciou na mesa multilateral polo futuro da planta de aluminio a existencia dun posible comprador.

Entre as tres divisións, GFG Alliance emprega a 35.000 persoas en 30 países e ten uns ingresos de 20 billóns de dólares.

NO 2018 COMPROU A FÁBRICA MEIRANDE DE EUROPA

Trátase dun grupo en crecemento con -segundo El Periódico de la Energía– “un apetito voraz”, como demostra que no ano que adquiriu a fábrica francesa participara do proceso de venda das antigas factorías de Alcoa na Coruña e Avilés. Unha tentativa na que fracasou, posto que finalmente foron vendidas ao fondo suízo Parter, un proxecto especulativo e non produtivo que máis tarde revendería as plantas a Capital Riesgo, o que pon en entredito o futuro das instalacións. Un antecedente que xera desconfianza entre o persoal, principalmente porque a multinacional radicada en Pittsburgh amosou daquela un exemplo de que evitará no posible vender a un competidor.

A CORUÑA E AVILÉS, EXEMPLOS

No ano 2019, un informe da consultora Syndex para o comité europeo de Alcoa San Cibrao advertía de que, “a través da súa participación de Ma’aden -un macro complexo de Arabia Saudí, o meirande do mundo e cos custos de produción máis baixos-, a multinacional poderá desenvolver as vendas de aluminio en España en substitución da produción española, que tería cesado”, advertía o dossier.

“É unha deslocalización da produción. Alcoa tenta desenvolver mercados para o produto de Ma’aden, en particular no mercado español e á costa da súa desindustrialización”, concluía.

OS OBREIROS PIDEN ÁS ADMINISTRACIÓNS QUE INTERVEÑAN

De feito, Alcoa mantén a súa posición de parar as cubas e executar un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que suporía 534 despedimentos na planta de aluminio e outros 400 na industria auxiliar de San Cibrao. Alega que o posible comprador non puxo sobre a mesa “un proxecto concreto” nin “especificou” como solucionará “o problema da enerxía”.

Ademais, rexeita vender a refinería de alúmina, que por outra banda pertence nun 40% ao grupo australiano Alumina Limited. Esta planta podería ter unha importancia estratéxica para Alvance, dado que malia dedicarse ao negocio do aluminio non ten ningunha.

Ante esta situación, os obreiros piden amparo ás Administracións: a Xunta de Galicia enviará un requerimento á compañía para que free o despedimento colectivo, e os traballadores solicitarán ao Goberno central que convoque de novo a mesa multilateral citando esta vez, ademais das catro partes implicadas mencionadas con anterioridade -Executivos central e autonómico, Alcoa e sindicatos-, ao posible investidor.

Non faltan as voces que piden que, dados os exemplos das plantas coruñesa e avilesina, o Estado debe executar unha intervención temporal da fábrica de aluminio para asegurar unha venda que garanta a produción e o emprego. Por agora, o Goberno central amosouse reacio.

A XUNTA PIDE “TRANSPARENCIA” AO GOBERNO: “HAI MÁIS PROPOSTAS DE COMPRA”

A Xunta, ademais, deslizou este venres nunha nota de prensa que o Executivo estatal recibiu “máis propostas de compra“, polo que lle pediu “transparencia”, insinuando incluso a posibilidade “dun acordo encuberto entre o Goberno e Alcoa para pechar”, segundo o conselleiro de Industria, Francisco Conde. Foi a primeira vez que a Administración galega se amosou crítica coa multinacional en dous anos, despois de exercer de voceira das súas peticións sen explicitar nunca publicamente o requerimento, a cambio, dun compromiso co mantemento do emprego.

“Alvance Aluminium Group confirma que tivo conversas con Alcoa en torno á posible adquisición de todo o negocio de aluminio de San Cibrao”, expoñen fontes do grupo empresarial, que salientan que “contamos cun dilatado historial á hora de proporcionar solucións verdadeiramente sostibles a longo prazo para este tipo de industrias, alineando estes proxectos co obxectivo de ser neutrais en carbono para 2030 (CN30)”.

“Cremos nun futuro sostible para San Cibrao e os seus empregados e tentamos evitar un peche. Iremos compartindo novidades sobre o proceso ao seu debido tempo e en función do resultado das conversacións”, resaltan fontes de Alvance, que se reunirán o vindeiro luns en Santiago de Compostela coa Xunta e cos sindicatos de Alcoa San Cibrao.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...